A impostura e a desorientación na normalización lingüística, de Xosé Manuel Sarille

Partilhar

Por Joám Manuel Araújo

Xosé Manuel Sarille “está vinculado coa defensa e a recuperación da lingua galega desde a adolescencia” e “De 1986 a 1997 foi presidente da Mesa pola Normalización Lingüística”, para além de participar activamente em diferentes iniciativas respeitantes ao idioma, na Galiza e no exterior. Assim se nos informa na badana deste volume1. Vale a pena salientar, sem maior adiamento, a sua conclusom final (p. 111): “Non hai futuro sen vincular o galego co portugués, e non a través da filoloxía, senón coa introducción práctica desa variante do idioma na nova sociedade multilingüe, para que o galego cumpra funcións útiles e non sexa somentes un instrumento doméstico de disquisicións identitarias e reflexivas”.

Este ambicioso trabalho de Sarille principia (p. 9) com citaçons de Felipe Benítez Reyes e Woody Allen, em maneira de epígrafe. Após o “Índice” (p. 11), o leitor encontra um texto prefacial, intitulado (pp. 13-14) “Esclarecementos, Agradecementos e un Oxalá”, que começa destarte: “Este libro non é un estudo de investigación, senón un ensaio ao que se quixeron incorporar ideas até agora non publicadas nin difundidas. Nel analizánse as prácticas lingüísticas desenvoltas en Galiza desde a instauración da democracia até os nosos días. Esa maneira de proceder provocou o fracaso da recuperación do idioma galego”.

Na continuaçom (pp. 15-17) está o “Prólogo”, em que encontramos formulaçons como estas: “Os intelectuais e os especialistas, non deron unha visión nova do problema e cando o esbozaron non foron atendidos polos xestores políticos aos que ía dirixido o debate. […] Desde comezos dos anos noventa a política lingüística municipal do BNG, a organización política nacionalista, é moi semellante, con moi poucas excepcións, á das cámaras municipais gobernadas polo Partido Popular e o PSOE”.

Venhem depois oito capítulos, que respondem aos seguintes títulos: o I (pp. 19-24), “No que se destacan os problemas principais da política de lingua”; o II (pp. 25-36), “Onde se di que desde o comezo da democracia houbo dous períodos na política lingüística”; o III (pp. 37-51), “De como se fixo e até onde se chegou na normalización lingüística nos concellos”; o IV (pp. 53-60), “Onde se conta que as Universidades non responderon ás demandas de galeguización nin tampouco ás de formación que requería a política da lingua”; o V (pp. 61-74), “No que se describe o papel que cumpren a Real Academia Galega e outras entidades con atribucións lingüísticas”; o VI (pp. 75-91), “De como moitos exemplos innovadores se converteron en pobres finalidades”; o VII (pp. 93-104) “Onde se explica que o cisma normativo foi máis que un debate lingüístico”; e o VIII (pp. 105-112), “No que se tiran algunhas conclusións e ponse punto final”. O volume finaliza com dous anexos: o primeiro deles (pp. 113-117) intitulado “Para unha nova política lingüística municipal”, datado em “Santiago de Compostela, verán de 2003”; e o segundo (pp. 118-123), “Bases da convocatoria para unha praza de persoal para o servizo de normalización lingüística”, datado também em Compostela, mas em “Setembro de 2004”.

Para além destes elementos, bem esclarecedores, vale a pena apontar três citaçons. A primeira delas, na p. 42, onde se afirma:

[…] os responsábeis políticos locais non distinguían, nin distinguen política cultural de política lingüística. E os partidos políticos tampouco. O BNG confundía e confunde os dous conceptos. Cómpre especificalo, porque o Bloque debería ser o motor do novo modelo, tanto na elaboración teórica como na práctica, mais deixou que as cousas fosen esvarando. Actuou exactamente igual que as outras organizacións. Rematouse a obra da primeira etapa e as tres forzas políticas principais deixaron todo no abandono. A política lingüística desapareceu das axendas de traballo dos concelleiros, nos programas de goberno figuran referencias imprecisas e os servizos de normalización fan cultura. Os gobernos, tamén os nacionalistas, mantiñan e manteñen o servizo técnico, pero por pura abulia nunca estiveron nin están dispostos a asumir como propio ningún proxecto de normalización lingüística destinado aos veciños, e tampouco consideran necesario gastar diñeiro nese labor.

A segunda, na páxina 47, é esta:

Tanto o nacionalismo como as organizacións de base miraban máis para a incompetencia da Xunta presidida por Fraga Iribarne que para a desorientación existente nas institucións que eles mesmos gobernaban. E era lóxico, porque tamén rexía o criterio, en parte errado, de que para activar o proceso normalizador era imprescindíbel que previamente a Xunta acendese os motores. Esta dialéctica tiña varias avantaxes, entre outras a de axudar a tapar os defectos propios.

E a terceira, da páxina 102, a seguinte:

Na Galiza de hoxe a aproximación a Portugal converteuse nun tabú. Calquera achegamento que non teña como propósito o intercambio económico, considérase de facto como unha práctica propia do nacionalismo radical. O reintegracionismo é visto hoxe en Galiza como un despropósito, un ingrediente do discurso independentista e case ninguén parece amosar interese por variar esa imaxe.

Outras muitas citaçons se podiam colocar, pois o livro é rico em análises, em sugestons, em valorizaçons. Mas talvez seja mais útil referenciar o texto que se encontra na contracapa, e com o qual a editora apresenta o volume como “unha obra sobre a situación alarmante que vive a lingua galega. No texto analízanse as causas de fondo polas que o galego perde na actualidade máis falantes que nunca. O autor considera que as razóns desta decadencia, moi acelerada nos últimos anos, hai que buscala no deficiente discurso teórico e na práctica negativa ou confusa de todas as organizacións políticas e da maioría das institucións públicas desde o comezo da democracia. Feita con rigor, esixente e sen enganosas compracencias, esta obra está escrita por unha das persoas que coñecen mellor a realidade social do idioma galego”.

Som certas, com efeito, estas últimas palavras. E de nom ser Xosé Manuel Sarille das pessoas que conhecem melhor essa realidade, deveria sê-lo, polas generosas oportunidades que tivo. Por isso, da leitura do livro nota-se em falta umha maior autocrítica; umha avaliaçom em que se tomassem mais de conta os resultados das próprias actuaçons. Seria interessante, v. gr., que entrasse com maior decisom no “Proxecto Alén Miño”, a que se refere nas pp. 101-102 muito tangencialmente; ou no relacionamento entre a Mesa e a Agal, a que alude nessas mesmas páginas: dous assuntos certamente de relevo que exigiam umha maior profundidade, sobretodo por ser quem é o autor e pola sua trajectória.

No entanto, devemos concluir que Xosé Manuel Sarille, amparando-se nessa ampla experiência, contribui com importantes propostas, em positivo, ao debate sobre a situaçom actual e o futuro da língua da Galiza, sem dúvida o principal objectivo deste trabalho.

Publicado em Novembro de 2007, foi pouca ainda a repercussom que tivo este volume, apesar dos muitos elementos de polémica das suas páginas. Merece ser lido com atençom, porque aponta alguns caminhos que devem ser trilhados para atingir umha maior normalizaçom da língua da Galiza na Galiza, em especial de se considerar que essa língua tenha aspiraçons de ser hegemónica e ultrapassar a situaçom de dependências desnecessárias em que se encontra na actualidade.

Há de pôr-se igualmente em destaque a magnífica ediçom, na linha de Candeia, umha empresa que nom se prodigaliza muito, mas que até agora sempre tem contribuído ao mercado galego com produtos do maior interesse e actualidade. E este de Xosé Manuel Sarille é mais umha prova desse exemplar bom fazer.

Compostela, Agosto de 2008.
Notas

1 Sarille, Xosé Manuel, (Novembro 2007), A impostura e a desorientación na normalización lingüística, Santiago de Compostela, Candeia Editora-Ensaio, 123 páginas.

+ Notícias relacionadas no PGL: