extraído da revista CIG-Ensino
Por fin, o Día das Letras Galegas de 2020 vai ser dedicado a Carvalho Calero. Certamente, non é sen tempo, mais ben está que se repare tamaña inxustiza. Após a revisión da súa copiosa bibliografía sobre a xénese, evolución histórica e situación actual da lingua galega, en que se inclúe a relación co portugués e a vía reintegracionista, un ten a sensación de que o eminente profesor xa nos deixou practicamente todo dito e que pouco se pode acrecentar ás súas suxestivas análises. Porén, nas décadas de 70 e 80 da anterior centuria, cando o pensamento lingüístico de Carvalho se decanta definitivamente pola aproximación entre galego e portugués, non se explicitara na Galiza ningunha proposta binormativista como a que hoxe propugna un sector importante do reintegracionismo. Tampouco Carvalho chegara a formular de maneira explícita unha saída dese tipo ao conflito normativo que se viviu neses anos.
O que nos deixou ben claro é que para el o galego só pode ter futuro de se manter unido ao tronco histórico común galego-portugués, idea que desenvolveu con grande eficacia argumentativa en traballos e artigos de imprensa, onde sostiña que o galego, isolado das outras variantes do sistema propio e perante a presión do español, ficaría condenado ao progresivo esmorecemento e á contaminación progresiva por parte deste. En síntese, só vía dúas opcións: galego-portugués ou galego-castelán.
Van alá xa case 30 anos desde o pasamento de Carvalho e a descomposición interna do galego a nivel popular continuou, ao tempo que a perda de falantes se acelerou de forma dramática. É preciso, pois, algún tipo de intervención. Rodrigues Lapa recomendara substituír na escrita o galego polo portugués, pois este xa era para el o galego culto e literario. O reintegracionismo galego, con Carvalho como referente, adheriu no substancial a esa proposta, mais seguindo diferentes estratexias consistentes en intervencións graduais e menos traumáticas.
Todas as estratexias deben procurar a complementación máis do que a exclusión. A aposta na calidade lingüística desde o modelo maioritariamente vigorante é unha delas. O binormativismo é máis outra e ten como maior virtude que permite sumar todas elas en prol da sobrevivencia da lingua, pois lexitimaría socialmente tanto a norma hoxe dominante como a reintegracionista. En canto a primeira ten recoñecemento e apoio institucional, a segunda carece deles. A cuestión posta en foco agora, nomeadamente pola AGAL, é se esta última norma tamén debe gozar do status de oficialidade, a se converter así o galego en máis un exemplo de unha lingua con dúas normas legalmente aceptadas, cal acontece co noruegués ou co luxemburgués.
Se partirmos da situación de catástrofe demolingüística en que se acha o galego, do que se trata agora é de reagruparmos as forzas sobreviventes ao naufraxio demoscópico e de procurarmos as vías que consigan revitalizalo, como pretendía Carvalho. Son horas, pois, de sumarmos en positivo as dúas normas, unha vez que a longa confrontación e o dominio de unha delas non conseguiron o obxectivo da recuperación do idioma. De calquera maneira, a aplicación dunha política binormativista debe partir da vigorante lei Paz-Andrade e estar baseada nun amplo consenso. Sería, de certo, unha boa maneira de celebrarmos o tan agardado ano de Carvalho Calero e de honrarmos a súa memoria.
