Por Ernesto Vázquez Souza
As “nosas cousas” ben saben todos cales eran. Alguns teimaron ou han teimar esquencelas. “Cousas” mais outas, belidas e puras demandarían o lingoaxe de un dos novos mociños achegándose os altares eternos do sentimento da Galiza…
Endexamais fallan ises mociños. Si el Señor deixara que algun fora o derradeiro, xa non sería a divina tristura o nume da Galicia.
Ramón Otero Pedrayo
Ficam já distantes, como 1988, os dias daquele seminário de Literatura galega de C.O.U. em que uns poucos descobríamos e compartilhávamos livros galegos e achávamos Galiza como algo mais que os farrapos de línguas familiares, os discursos e as vozes do bairro.
Se perguntar a algum dos amigos daquela sem dúvida que as presenças literárias de Otero, Manuel António e Novoneyra, especialmente os dous últimos, serão lembradas intensas e marcadoras na configuração daquele germolo cultural que se espreguiçava em assombro.
O poeta do Courel, o das cuidadas edições, com uma língua quase pairando no ideograma fascinava-nos, especialmente os lugueses. Os Eidos, dos quais recitávamos versos daquela impossíveis. E continuam a ser referência, os seus poemas de tom grave e ao mesmo tempo confidencial, de iniciador, de partícipe.
Poucas vozes contemporâneas, quitando Avilés de Taramancos e Pilar Pallarés, posso identificar desse jeito como companha poética contínua desde a adolescência, a par dos grandes mestres devanceiros.
De Novoneyra sempre adorei a voz recitada, o ademã pondaliano, o jeito dessa presença pública forte, como de chefe de clã. Chefia moral entre os bardos que apenas lhe disputou Avilés. Figuras ambas que como é sabido um dia ocuparam a RAG nos tempos de Garcia Sabell para reclamarem dela coerência.
Figuras todas que hoje invocamos, com mais outra, para lembrar à Academia a sua história.
Sem alento literário, sem a descoberta de cada geração de moços, sem mestres gratuitos não teria adiantado a Literatura galega. De alento, moços e mestres imos falar hoje através dum documento estarrecedor na voz doutra das grandes figuras do panorama poético contemporâneo, Manuel Maria.
Há uns anos topámos uma série de cartas no arquivo da RAG nas caixas em que se custodiavam correspondências de Juan Naya. Epistolários a Naya, Bibliotecário Arquivista da Academia, de cunho particular, “indevidamente” ficadas no Arquivo, nessa mistura entre o particular e o coletivo que ataca os nossos acadêmicos, e que mais tarde foram (parcialmente penso) tornadas à família.
Neste fundo, juntamente com outras interessantíssimas para conhecer a sociologia inteletual da Galiza desses anos, havia uma série de cartas em que um novo Manuel Maria, que vinha de publicar Muiñeiro de Brétemas (1950), encaminhava Naya, na procura de conselhos e referindo diversos episódios.
Nessas cartas de 1952 e 53 testemunha-se o compromisso velho (no mesmo fundo há cartas contemporâneas de muitos galeguistas em castelão) com o galego do autor da Terra Chã.
A docíssima humanidade de Manuel Maria solidariza-se com Naya à morte da sua mãe, ou pede desde a cadeia militar ajuda para um companheiro preso com ele. Desde a mesma cela escreve esta carta que dalgum jeito serve para entendermos como se foi mantendo e (em palavras de X. Mª Álvarez Cáccamo) cultivando essa “rosa secreta” por alguns generosos e integradores e que manteve o mínimo de rede e semente do que hoje abrolha isto tudo.
É evidente que a Crunha dos 50 era um espaço ainda herdeiro daquele passado glorioso da Irmandades, com presenças como os Carré, Ramon Villar [Ponte], e Cebreiro. Mas, se houvera uma transmissão esta fora minoritária e agachada, como para os que, como Antón Avilés de Taramancos, se galeguizavan na Crunha dos primeiros 50, em conversas e presenças dos silenciados pola guerra:
Certamente o entorno sócio político da Coruña dos anos cincuenta non era doado. Governados militarmente por un musulmán (aínda que para o caso é o mesmo), civilmente por un requeté devaluado, e municipalmente por un delegado permanente do Caudillo –é dicir, un caudillo en pequeño-, controlada a povoación de cotío por ser sede de verán, de pesca e de caza do señor de Meirás, era difícil calquer expresión cultural, e menos política, que non estiver axustada aos programas oficiais do Estado.
Había, pois, que andar con moito tento, e deixar-se pasar, as máis das veces, por persoaxes pintorescas –falar galego era pintoresco- e andar nas catacumbas á procura dalgunha persoa afí para contar as nosas cuitas ou os anguriantes proxectos de futuro.
A Real Académia Gallega era totalmente irreal. Non quere dicir que non houbera membros dignos de aprécio e de respeto. Vivía ainda un dos fundadores, e había outros que eran académicos silenciados. Os que sonaban eran comentaristas de fútbol e de crónica social (bodas e bautizos), qe o único que aportaron ao noso idioma foi a piqueta demoledora programada desde o governo central. O momento histórico non daba para máis, pero aínda agora a cousa non se compuxo. Así e todo o fermento da galeguidade estaba vivo: os vellos petrucios da Cova Céltica e das Irmandades da Fala deixaran a sua semente e nas tertúlias dos cafés ou nas tabernas atopabamos de vez en cando a algún dos seus descendentes e unha aperta de irmandade daba-nos o alento de seguir adiante e de esperar tempos mellores (sempre temos esa ilusión): os Carré Alvarellos, os Villar-Chao, Lugrís, Martínez-Barbeito mesmo, amparaban calisquer agromo de sentimento a prol da nosa cultura (e algúns da nosa liberación).
Álvaro Cebreiro, xa enfermo, falaba-nos de Manoel Antonio e do manifesto “Máis Alá!”. Don Uxío Carré Alvarellos, vello patriarca que eu tanto amei, acollíanos na sua casa de Eirís, construída no sítio mesmo onde os feixistas asasinaran ao seu fillo, e daba-nos sempre unha leición de humanidade e de amor á pátria. Aínda vivía Dona Gala, a filla de Rosalía, e eu sinto agora a emoción revivida de bicar a sua man polo que representaba. (“Xohán Casal: Os froitos da névoa”, em AVILÉS DE TARAMANCOS, Antón, Obra viva, Laiovento, Santiago de Compostela, 1992, pp. 22-23. Também: “Don Uxío Carré Alvarellos”, pp. 99-100 e “Álvaro Cebreiro”, p.115)
Por isso, neste ano de 1952 surpreende a voz tão feita de Manuel Maria e a sua, ao mesmo tempo, sensibilidade crítica e humana. Manuel Maria conhecera Novoneyra em Lugo em meados dos anos 40 quando ambos estudavam Bacharelato, e neste ano da carta ambos andavam a cumprir com o exército.
Como sabemos pela testemunha de Alonso Montero, Novoneyra, companheiro de estudos deste em Madrid na Faculdade de Filosofia e Letras, pouco antes (1949-50) andava a pensar na publicação do poemário em castelão Abrojos (vid. Madrigal, 5, Madrid, 2002, p. 9-21). E ainda tardou um bocadinho a passar-se para a escrita em galego. Começou por volta de 1953, Os Eidos, sairiam em 1955, e a literatura galega com a sua presença e compromisso integrador começava de novo o seu ciclo emergente.
Mas deixemos contar a voz, agora sabemos profética, de um daqueles mestres gratuitos e grandes integradores no comum patriótico:
Santiago de Galicia, pol-o outono, 10, do 1952
De Manuel Maria a Xohan Naya.
Carísimo:
Sigo em prisions. E case non faigo nada. A tristura i-o abatemento pesan moito sobre de min pra ocuparme co outras cousas. Inda qué agora xa me vou afacendo e custame menos estar sin libertade.
Sinto que non poidas facer nada pol-o meu amigo. Si che pedin por él foi porque me deu verdadeira pena. A sua quinta hai mais dun ano que cumpriu , i-él ainda eiqui. I-eso é tristeiro! Si fora por outro igualmente che pidiria. Xa a vida ten sinsabores d’abondo sin que nós llos aumentemos. O home tem a obrigación de perdoar e de axudar ó home. Pero hai quen non o comprende eisi. Que lle vamos a facer! O meu xuicio nada hai tan trsiteiro e tan arrepiante como deixar detrás de un un regueiro de odio. E hai persoas que somentes parece que nasceron pra odiar. Esto xa non ven ó caso.
Teño un gran intrés en ir dándome a conocer na Crunña. Por eso que remeso ise novo artigo, con prego de pubricación. Eiqui como non teño outro medio remesocho en orixinal. Dime que che parece. E remesame algún exemprar si chega a prubricarse. Quero ir dando traballiños na Prensa da Cruña pra saber si logro voltar pro próximo ano aos Cursos de Vrau. Xa ves que penso as cousas com tempo. Eu non sei que tem esa nosa terra que me enmeiga. Levoa metida na i-alma como a raiz dos meus poemas.
O Novoneyra é gran amigo i-um gran poeta. Eu considero entre os nosos millores poetas que escriben em castelán. Os millores poetas ó meu xuicio que temos em galego son: Cunqueiro, Aquilino, Pura, Luz Pozo e Cuña. I-en castelán Pimentel, Novoneyra e Bal [ooma] (?). O Novoneyra é um obsesionado pol-a Poesia, pol-a auténtica Poesia na sua esencia misma e na sua pureza mais outa. En pol-o de agora, non conozo a naide tan fidel e c’unha vocación poética tan auténtica e tan fidel como a d’el. Eu que tamén estou sempre n’unha longa espera pol-a verdade poética que é para min a única verdade , doume conta que a vida ten tamén outras facetas moi interesantes que procuro vivir. Pero o Novoneyra, non. E por eso a moitas persoas párcelles estrano. E unha gran pena que non faiga poesia em galego: a sua aportación seria de outo valor. Falalle ti n’esse senso e faille ver que temos unha cultura i-unha lingua, e que somos responsables d’ela. Galicia quer homes sinxelos e desintresados que a queiran e que se entreguen a ela renunciando moitas veces aos lauros. Pra esto fai falta ter um outo senso de sacrifício e de responsabilidade. Por outra banda o non facelo seria traicionarnos a nosoutros mesmos. E eso non.
Dille ó Novoneyra da miña parte que me escriba axiña e que me remese a carta que para min escribiu eiqui em Santiago. Arelo moito tela. Cando estiven eli de paso hai uns dias fun co d. Ramon Villar à Capitania pra vel-o e non din co il.
Deixote. Saúdos garimosos pra eses amigos non mui respetuosos por teus dores, cunha aperta fraternal pra ti.
Manuel Maria
NON DE ESCRIBIR. Cantar é d-outro acento
d-outro soño i empeño
Novoneyra
