Carvalho Calero 2021

Partilhar

carvalhoA Xunta Directiva do Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba, entidade cultural que ten como fin promover a investigación, o estudo, a conservación e a defensa da lingua e da cultura galegas, en xuntanza celebrada telematicamente o día 13 de abril, decidiu por unanimidade dirixirse á Real Academia Galega para amosar a desconformidade máis absoluta coa decisión tomada de adiar o Día das Letras Galegas ao 31 de outubro. Esta etapa de confinamento, que non sabemos ninguén o tempo que vai durar, leva a reflexionar e colixir que o coherente sería dedicar o ano 2021 á figura de don Ricardo Carvalho Calero, un dos persoeiros máis relevantes da cultura do noso país. É evidente que, de non ser así, a decisión que vostedes toman non contribúe en absoluto ao enxalzamento dunha das persoas que dedicou de maneira intensísima toda a súa vida a traballar por Galiza e pola lingua e a cultura propias. A imposibilidade de asociacións, entidades culturais, centros de ensino, etc., para realizar actos ad hoc, fan que a figura de Carvalho Calero quede unha vez máis esvaecida, oculta por un veo, obxectivo sen dúbida de interese para determinados sectores.
É de xustiza que as mulleres e homes que forman a institución da RAG tomen a decisión de garantir que a celebración das Letras Galegas de 2021 recaia na figura de don Ricardo Carvalho Calero para que deste xeito poida Galiza enteira facer o recoñecemento con rigor e con lealdade a quen contribuíu a fortalecer e engrandecer a cultura do país.
VILALBA, 15 DE ABRIL DE 2020
A XUNTA DIRECTIVA DO IESCHA

Máis de Instituto de Estudos Chairegos
No data was found