Binormativismo, unha opción de futuro



extraído do Diário de Ferrol

O poeta João Verde (1866) naceu en Monção, na outra marxe do Miño, fronte a Salvaterra. O seu poemario máis coñecido foi “Ares da Raia”, publicado en Vigo en 1902. Para os raianos, o río Miño une máis do que separa. («Vendo-os assim tão pertinho,/ a Galiza mail’o Minho,/ são como dois namorados/ que o rio traz separados/ quasi desde o nascimento./ Deixá-los, pois, namorar/ já que os pais para casar/ lhes não dão consentimento.») A lingua matriz e común, pois disto nin se fai cuestión, estreita lazos. Grazas aos contactos co gran Guerra Junqueiro, coñeceu a literatura galega da época: Añón, Rosalía ou Curros. Disto deixou constancia ao longo da súa obra e até escribiu en galego.

Mais João Verde e Guerra Junqueiro non eran simples illas desa apertura de miras que abranxía territorialmente parte de Portugal e a Galiza. Porque Teixeira de Pascoais, Manuel Rodrigues Lapa, Hernâni Cidade, Hugo Rocha e tantos outros literatos e estudosos do momento eran conscientes de que no ADN de ambos os países había demasiados alelos partillados, motivo para vérmonos espellados os uns nos outros. A época do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) será fundamental para se comezaren a asentar estas relacións entre os dous pobos. Son proba disto as frutíferas relacións en revistas de aquén e alén: as portuguesas “A Águia”, “Seara Nova” e “Descobrimento” ou as galegas “Nós”, “A Nosa Terra” e “Ronsel”, onde galegos e portugueses participaban de xeito indistinto.

binormativismo-henrique

Na cerna do sentir identitario patrio, desde os chamados provincialistas aos rexionalistas, achouse a necesidade de que a nosa lingua, a galega, se tivese de achegar á portuguesa. Aquela, inferiorizada e deturpada lingüisticamente, esta, normalizada en todos os seus ámbitos de uso, non deixan de ser hoxe, as dúas, e a pesar de anos de separación política, co-dialectos dun tronco común, como o poden ser, entre si, o alsaciano e o alemán ou o moldavo e o romanés. Quer de xeito máis ideolóxico-cultural, quer puramente lingüístico, a nosa tradición vén permeada desde Murguía, Pintos ou Pondal primeiro, a Vilar Ponte, Risco ou Castelao despois, por esta idea de obrigada comuñón entre terrritorios, aínda que con desigual resultado por ambas as partes. Vivimos longo tempo de costas viradas aos nosos veciños, ao igual que os portugueses respecto de nós. O feito diferencial (as comunidades históricas españolas) soa en Portugal como unha música estraña, alén de nos ligar, por cuestións lóxicas, á dimensión do Estado español e, en consecuencia, con aquilo que ten a ver, pensan, coa lingua española ou castelá, incapaces de comprenderen a diversidade que aquí existe face á unitaria e conexa súa. Quérese dicir, o noso debate identitario-lingüístico como galegos, e de aproximación a Portugal, talvez sexa para eles máis o debate dunha elite intelectual do que unha cuestión que sequera lles preocupe.

A algúns, contrariamente, antóllasenos de máxima urxencia. Poderiamos tirar aquí un amplísimo argumentario a respecto de como os diferentes falares do galego teñen aínda hoxe fácil acomodo no portugués, non no portugués padrón, mais si no dialectal, nomeadamente o interamnense (entre Douro e Minho), desde formas residuais no sistema de sibilantes (seseo), presentes na Baixa Limia ou o seseo predorsal do Morrazo e Costa da Morte, aos grupos gua- (guardar…) ou cua- (cuatro…), formas verbais coincidentes ou próximas coas lusas (teis, levai, cantais…), o pronome ‘tu’ ou as terminacións en -ao (irmao, verao…) e léxico a mancheas, vivo en persoas, sobre todo, maiores e do rural, semellante ao de aquén río ou raia seca, pero diverxentes do padrón lisboeta.

Dicía o noso estimado paisano, Ricardo Carvalho Calero, que “As fronteiras políticas nom podem impor estranjaria a formas dialectais, ou simples falas, do mesmo idioma. O labordano é basco, o roselhonês é catalám, o aranês é gascom, o valom é francês, o amengo é neerlandês, como o mexicano e o argentino som espanhol. Nestas condiçons, o galego nom pode viver de costas ao português, pois o Minho nom é umha fronteira lingüística…”. A este respecto, a medida máis ambiciosa e pragmática levada a efecto foi a iniciativa lexislativa popular, so o nome de Valentín Paz-Andrade, aprobada polo parlamento galego no 14 de maio de 2014. Deféndese nela a incorporación progresiva da lingua portuguesa nas aulas en todos os niveis educativos, aludíndose ao paradoxo de que en Extremadura, p.e., todo o alumnado de secundaria pode estudar o portugués, se así o quixer, como segunda lingua estranxeira. Lonxe de apriorismos historicistas e filolóxicos, a proposición agárrase á potencialidade, mesmo en termos económicos. Mais os galegos, asemade, atesourámola a través do que nos é inherente para proxectármolo no portugués. A cifra, 254 millóns de falantes, non é precisamente desprezábel. Trátase dun emprendemento que non debemos adiar máis, pois sería unha temeridade deixar ir ese último tren.

Así pois, a introdución do binormativismo no Ensino, quérese dicir, na coexistencia de dous modelos de escrita (ortográficos) para a representación dunha mesma lingua, talvez estea a chave. Dunha parte, afianzamos a nosa variante galega, mentres que da outra conseguimos crear a base, o apoio e o lanzamento consecuente que nos liga sen ataduras ao portugués, ao estenso mundo da lusofonía, estimulando a natural competencia lingüística en portugués do noso alumnado. Non debemos esquecer que os complexos e menosprezos, por veces inconscientes, e basicamente motivados pola situación diglósica e inferiorizada en que vivimos, nos ten conducido até a calamitosa situación actual, vista a enorme perda de falantes que estamos a observar, alén do risco que corremos canto a competencia lingüística se refire. A LOMCE e o famoso decreto de plurilingüismo está a prexudicar calquera proceso normalizador da nosa lingua, ao prohibir seren leccionadas determinadas materias en galego e promocionaren o inglés como lingua vehicular noutras.

No binormativismo, por conseguinte, achariamos o camiño menos mao para o noso propósito. Moitos países do mundo conviven con el. Véxase o caso do Luxemburgo, pois alí coexiste a variante dialectal propia escrita e ensinada nas escolas, pouco comprensíbel para o alemán padrón, pero que os luxemburgueses adoptan como forma internacional sen conflitos. Ou como en Noruega, onde conviven as formas nynorsk (unha koiné elaborada cos dialectos do occidente do país) e a bokmål (máis próxima do dinamarqués), e que todos os cidadáns teñen que coñecer de forma pasiva e a Administración utilizar a conveniencia. Convívese, quer no Luxemburgo, quer na Noruega de maneira uente, ideal, non conflitiva por tanto. No binormativismo é indispensábel, iso si, que os dous modelos conten con recoñecemento legal. Logo, a pregunta que o meniño de Castelao facía ao vello na marxe do Miño, “E os da banda d’alá son máis estranxeiros que os de Madrí?”, talvez achase así máis fácil resposta.

Henrique Dacosta
Henrique Dacosta

Latest posts by Henrique Dacosta (see all)


PUBLICIDADE

  • Ernesto V. Souza

    A verdade que alguém deveria estudar, a sério, o valor dos modos e os tempos no galego.

    Não temos perfeitos, mesmo no pretérito, falamos de história antiga como se fosse passado recente que estamos a viver, o passado mais próximo domina ainda a narrativa do presente, e desconhecemos, logicamente, como os judeus, o tempo e significado vago, para além de possibilidade, da palavra futuro, e quando a usamos, na realidade estamos a nos referir ao presente contínuo… 😉

  • abanhos

    Henrique:
    Na Galiza vivemos por uma banda a substituição da língua, certificada na perda da transmissão geracional; e por outro a perda de língua; é dizer a degradação desta nos falantes, em realidade qualquer cousa pode ser galego, sempre que for castelhano, e onde o castelhano vai enchendo os valeiros da perda de língua, o que na realidade significa que o valor dela tende a zero, ninguém a sério quer um modelo degredado e inseguro para os seus filhos. Quando a língua não fala do falante, e que ela não vale nada, se tanto tem ser um Tonechu ou um Henrique é que a cousa pinta realmente mal.

    O modelo de língua na escola, ou como fazer castelhano em galego, é fulcral na degradação e tem os alicerces no modelo de língua fácil que dizia Filgueira Valverde que as normas –facilitavam- e que Constantino governou mantendo o leme firme para o castelhano.

    Lembremos o Antom Vilar Ponte, um dos fundadores e primeiro impulsionador das Irmandades da Fala: “Quanto mais galego for o galego, mais português ele é.

    Mas isso esta em contradição com a nação espanhola, que alguns chamam de plurinacional, o que é falso, enquanto se esquecem de nos sermos uma minoria nacional no estado, a que seguem sem se reconhcer os direitos eetabelecidos pola ONU para as minorias nacionais, nem se cumpre nada da Carta europeia das línguas minoradas.
    https://www.ohchr.org/en/professionalinterest/pages/minorities.aspx
    http://portugaliza.ulaek.com/tvsptnagaliza/docs/carta_linguas.pdf

    • abanhos

      Só mais uma cousa, ou mudamos o presente ou não temos futuro…. a língua nos menores de 15 anos não é usada nem pelo 5%.

      Como nos dizia um dia Lluis Aracil: O futuro do galego é o mesmo que o do analfabetismo, desaparecer…e o programa impulsionado na Galiza é o ótimo a esse fim.