Ventos do sur (III). O binormativismo



Convidoume o presidente de AGAL, Eduardo Sanches Maragoto, a que opine sobre a proposta de “binormativismo”; e en correspondencia á súa amabilidade, tal farei. Indicareilles, aos non iniciados, que no mundo hai unhas sete mil linguas, polo que as casuísticas particulares son, como é lóxico, moi diversas.

O inglés, por exemplo, carece por completo de academia ou cousa semellante polo que a decantación de ortografías e pronuncias é cuestión de inercias sociais. No noruegués, por outro exemplo, existen dúas normativas distintas e as dúas oficiais e os cidadáns poden usar unha ou outra. Ambas cousas parécenlles, parécennos, aos cidadáns do sur de Europa cando menos, raras. Igual de raras que que haxa varios miles de linguas que nunca se escribiron.

O novo presidente de AGAL reorientou o discurso da asociación e propón que Galicia asuma o modelo noruegués, isto é, dúas normativas oficiais de uso corrente, a actual e a reintegracionista, e que logo, as persoas, opten. Pois ben, estimando o ton e a proposta, debo dicir que non.

Non me parece boa idea. O tema interésame desde hai moitos anos e sei que Braga está máis preto de Ourense que Coruña, pero, tamén, moito máis lonxe. A lingua e cultura portuguesa deben ser farois que nos iluminen, e a cultura galega para viaxar ao futuro debe captar coas súas velas tamén ventos do sur.

Vivo con vergoña o feito de ser a Estremadura española a comunidade con máis atención ao portugués. Lembro os ecos do pasado de agresividade coa normativa oficial e con certa preocupación, cal vai ser o dominante entre enfoques do ano Carballo Calero: o esforzo na valoración e comprensión do persoeiro e da súa plural obra lingüística e literaria ou, o seu uso para desenterrar machados de guerra.

“Vivo con vergoña o feito de ser a Estremadura española a comunidade con máis atención ao portugués”

Se cadra podemos discutir que se é o ano Carvalho ou Carballo coa mesma intensidade que outrora fixemos con Estatuto ou Bases, ou Oficialidade ou Cooficialidade do galego, mentres o presente pasa ó noso lado, sorrindo, de cara a Mérida. E vivo só con reservada esperanza as declaracións institucionais e as suavización de posturas.

Son da idea de que, para empezar, hai que introducir o estudo da lingua e cultura portuguesa dentro dos nosos libros e programas escolares. Non debe ser o portugués unha lingua e unha cultura estranxeira como o alemán ou o francés; cómpren outras estratexias: trátase dunha filla nosa que gozou de liberdade e saúde e coa que debemos amigarnos.

Non son os descubrimentos portugueses no mundo, nin a historia do país, alleos a nós: a carta de Vaz de Camiña sobre o descubrimento do Brasil cun gaiteiro galego achanzando camiños de comunicación cos indíxenas, ou o macedao Xoan de Novoa descubrindo as illas de Santa Elena no Atlántico sur e outras no Índico. E outros varios. Si. Debemos saber máis, moito máis de Portugal.

O portugués, como parte utilísima da materia de galego. Unhas nocións de xeografía e historia, música, arte… do mundo lusófono dentro de candansúa materia de aquí. E sería bo que alá, ao sur, tamén se lle dedicase un aloumiño, á cultura e historia de Galicia.

E despois duns poucos anos de distensión e afondar no coñecemento mutuo, non un binormativismo, rara avis no mundo, senón simplemente o portugués tamén lingua oficial de Galicia. E aí estariamos máis preto do modelo luxemburgués: a lingua propia oficial, mais tamén as dúas linguas grandes (irmá e filla, no noso caso), verdadeiras portas abertas ao mundo e das que sentirse orgullosos.

Afonso Vázquez-Monxardín

Afonso Vázquez-Monxardín

Ourense, 1960. Arqueólogo e catedrático de língua e literatura galegas. Historiador, investigador, professor e escritor. É académico da Real Academia Galega desde Outubro de 2018.
Afonso Vázquez-Monxardín

Latest posts by Afonso Vázquez-Monxardín (see all)


PUBLICIDADE