Memória do binormativismo: primeiro semestre de 2019



Fôrom muitas as pessoas que ao longo deste ano se pronunciárom a favor (e também contra ou com reservas) do binormativismo. Para além de gerar prolongados debates sobre a sua pertinência nas redes sociais, a proposta binormativista foi objeto de numerosos artigos de opiniom em jornais. Destacamos aqui alguns excertos de artigos vindos de quem normalmente nom escreve em galego reintegrado, o qual nos parece um bom indício de como a cultura galega no seu conjunto está aberta a dialogar em torno deste assunto:

“Máis dúbidas teño a respecto de institucionalizar o binormativismo que desenvolven as linguas nacionais da Noruega e de Luxemburgo. Canda as súas avantaxes evidentes non se nos poden agachar certos inconvenientes vencellados á racionalidade de evitarmos elementos de confusión no ensino. Porén, conviña afondar xa no achegamento léxico do galego ao portugués ou mesmo estudar a conveniencia de determinadas aproximacións ortográficas parciais.”

Xoán-Antón Pérez Lema (El Correo Gallego, “Dúas normas para o galego?”, 31/03/2019)

“Esta “binormativa” sería unha convivencia das dúas normas con elección voluntaria de cada persoa. Por unha parte podería verse un conflito entre elas, pero o obxectivo é que cada un elixa a norma que mas se adapte ás súas necesidades e así perdure o galego. Castelao decía: “A nosa língua floresce en Portugal”

José Luís Fernández Díaz (La Región, “Paz Normativa para o galego”, 25/04/2019)

“Por iso me parece moi atinada a idea do binormativismo, proposta que fai a Agal (Asociación Galega da Lingua) e que consistiría en que, ademais da normativa oficial vixente, existise outra máis próxima ao portugués para certos espazos, como os relacionados coa súa proxección internacional. Luxemburgo e Noruega fixeron algo semellante coas súas linguas e poderiamos aprender das súas experiencias.”

Marica Campo (El Progreso e Diario de Pontevedra, “Amar é un verbo”, 17/05/2019)

“Así pois, a introdución do binormativismo no Ensino, quérese dicir, na coexistencia de dous modelos de escrita (ortográficos) para a representación dunha mesma lingua, talvez estea a chave. Dunha parte, afianzamos a nosa variante galega, mentres que da outra conseguimos crear a base, o apoio e o lanzamento consecuente que nos liga sen ataduras ao portugués, ao estenso mundo da lusofonía, estimulando a natural competencia lingüística en portugués do noso alumnado.”

Henrique Dacosta (Suplemente dominical do Diario de Ferrol, 2/06/2019)

“A tope co binormativismo… que aprender non costa tanto traballo, e a xente non é tan intolerante se se lle explican as cousas, con respecto e empatía, e sen superioridade moral, desde o principio”

Olaxonmario (Youtube, “Dúas normas para o galego”, 12/05/2019)

“A nosa relación co lusismo debe deixar de ser testemuñal, para actos entre veciños e pasar a convertirnos en irmáos en convivéncia, deixar de lado complexos e estereotipos e crer nas posibilidades que se nos abren para os nosos fillos e para o país coa dupla normativa.”

Antón de Guizán (Galicia Dixital, “Binormativa: o futuro é agora” 22/04/2019)

“A realidade é esa. A min non me gusta. Pero é a que é. E cando AGAL di na súa explicación da proposta, que o Binormativismo “seria umha forma original de resolver un conflito” eu, o que teño que dicir sobre isto, é que ese conflito non existe. Si na universidade, en determinados departamentos de Filoloxía. Si en determinadas publicacións moi específicas. Pero non na sociedade. Aí non hai conflito de ningunha clase.”

Francisco Castro (Para Ler, “Aceptar dúas normas oficiais para a língua galega?” 18/05/2019)

“Un dos motivos polos que debería haber binormativismo é porque, na verdade, a cultura galega xa se expresa en dúas normas. Que unha escritora teña máis recoñecemento fóra, coas súas obras traducidas, que dentro, en galego reintegrado, é sinal doutra cousa que debemos corrixir”

Carlos Callón (@carloscallon, 28/05/2019)

Ainda, devemos mencionar muitos outros contributos à maioria dos quais será fácil aceder on-line através do Portal Galego da Língua: Alberto Paz (PGL), Eduardo Maragoto (Nós Televisión e Sermos Galiza), Eliseu Mera (Sermos Galiza), Lorenzo Fernández Prieto (Facebook), Luís Fontenla (Praza Pública), Manuel Bragado (Palestra), Mauricio Castro (Sermos Galiza), Miro Momán (PGL), Paulo Gamalho (PGL), Rosario Álvarez (Entrevista Sermos Galiza), Saleta Gil (PGL), Teresa Moure (Praza Pública), Valentim Fagim (PGL), Valentín García (entrevista El Correo Gallego), Víctor Freixanes (entrevista Sermos Galiza), Vítor Vaqueiro (Sermos Galiza), Xoán Costa (Facebook).

Porém, ao nosso ver, e talvez todos os opinadores e opinadoras anteriores partilharám esta reflexom, a achega mais interessante a este debate véu de Mariña Tuñas Carballo, aluna de 4º da ESO do IES As Insuas. Reproduzimo-la inteira por se tratar de um verdadeiro monumento ao pensamento crítico:

«Mentres o monolingüismo en castelán expándese entre a sociedade, o galego perde presenza nos planos da vida pública, cultural e informativa: lingua minoritaria no mundo empresarial ou nos medios de comunicación e en campos como a ciencia ou a publicidade. Ante o futuro incerto, determinado pola perda da transmisión familiar e os erros nas medidas normalizadoras, o binormativismo eríxese como ruta alternativa e posibel solución á augurada desaparición da lingua galega.

A convivencia de ambas normativas significaría un retorno á orixe común de ambas. Un recordo actual daquel romance, lingua literaria das cantigas medievais, que naceu no século VII e desaparecería por cuestións políticas e territoriais. Como un intento de supervivencia, a adopción da norma portuguesa garantiría o acceso a recursos de diferentes ámbitos (revistas, xornais, producións audiovisuais…) que na actualidade non son publicados no noso idioma. Do mesmo modo, permitiría o intercambio cultural entre dúas nacións que comparten historia, tradición e costumes.

Mais os beneficios desta política lingüística non se limitan ao plano cultural, senón que se estenden á economía da comunidade: facilitaría o acceso ao mercado laboral dos países lusófonos, unha mellora na comunicación que incentivaría novos proxectos de cooperación transfronteiriza e en consecuencia, estimularía o crecemento económico.

En suma, o binormativismo non comporta a desaparición ou depreciación da normativa galega. É, pola contra, un apoio, un intento de garantir a súa supervivencia, a manifestación visible da irmandade entre Galicia e Portugal. Un ideal de futuro que recupera o pasado e a historia da nosa lingua nai: a linguaxe.»


PUBLICIDADE

  • Miro Moman

    Venho de estar em Belgrado onde entrei em contacto com mais uma variante do binormativismo: o caso sérvio.

    Na Sérvia convivem o alfabeto cirílico e o latino. Ambos estão presentes no ensino, embora não indaguei os particulares porque estava muito muito ocupado a comer calhos e tripas e a visitar o jazigo arqueológico de Vinča-Belo Brdo / Винча-Бело брдо, o museu Nikola Testa ou as Instalações Nucleares da Sérvia, entre outros interessantíssimos lugares.

    Para a relação com as administrações públicas o cirílico é preferido ou até obrigatório. Porém, na rua e na imprensa predomina já o alfabeto latino. A maior parte da sinalética contém as duas versões dos topónimos e demais informação.

    Imagino que algo similar poderia estar a se passar com o romeno na Moldávia.

    À volta parei no Porto, onde o Hugo nos levou às tascas mais populares, confirmado o que já sabíamos: que a vila portuguesa (e galaica) é um dos melhores destinos gastronómicos do mundo.