O Foucelhas em Vila de Cruzes

O IES Marco de Cambalhom publica un livro de recolhida oral sobre o guerrilheiro antifascista Foucelhas



foucelhas vila de cruzes

O Clube da Língua do IES Marco do Cambalhom apresenta esta quinta-feira, 30 de maio, o livro “O Foucellas en Vila de Cruces“, um volume onde se recolhem histórias de tradiçom oral arredor da figura de Benigno López Andrade, guerrilheiro antifascista contra a ditadura franquista. O livro conta, ademais, com três textos de Manuel Igrexas, Carlos G, Reigosa e Ramiro Vidal Alvarinho que contextualizam as histórias recolhidas polo alunado do instituto crucenho. A capa do livro é obra da artista plástica crucenha e ex-aluna do centro Carlota Salgado.

Este livro reúne vinte e seis histórias recolhidas por alunado e exalunado do Cambalhom e configuram um arquivo diverso sobre a presença da guerrilha antifranquista nas terras de Cárbia e o Deza. Mais de sesenta pessoas participarom no processo de criaçom do volume. O livro forma parte do Projeto Palavras de Pedra, um projeto de posta em valor do património material e inmaterial das Cruzes que, desde a Equipa de Normalizaçom, pretende socializar os valores culturais, linguísticos e sociolinguísticos locais. Outros projetos de participaçom que xurdirom de Palavras de Pedra som a posta em valor das Mámoas de Oirós, o Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruzes, A nossa música somos nós ou a Regueifesta, entre outros. Esta metodologia parte da importáncia do trabalho coletivo e da participaçom social para transformar e enriquecer a realidade socio-cultural das Cruzes.

No prólogo do livro, podemos lêr algumhas das funçons educativas da publicaçom:

“Unha das razóns polas que publicamos este libriño é para contrastar a rumoroloxía coa Historia. Porque sabemos que o personaxe do Foucellas está construído tamén con invencións e difamacións promovidas polo réxime de Franco, e aquí confiamos na historia como ciencia, como porta de coñecementos contrastados. Porque moitas veces aparecen as preguntas e a curiosidade e nós queremos saber máis e queremos aprender mellor! Unha pregunta: Por que en Francia os maquis, as mulleres e homes da Resistencia contra Hitler e o nazismo son homenaxeados con nomes de rúas, estatuas ou celebracións de admiración e aquí non se lle dá o mesmo trato á xente que loitou contra Franco e o fascismo nos anos da Ditadura?

O Foucellas foi un guerrilleiro antifranquista, un home fuxido por razóns políticas, sobre o que hai varios libros escritos. Estas páxinas intentan coñecer algunhas das historias do paso de Benigno López Andrade polas terras de Vila de Cruces para completar a imaxe sobre este personaxe histórico.

No tempo das fake news e a invención da historia, é bo reflexionar sobre un personaxe histórico que loitou contra unha ditadura que tamén fixo uso da propaganda contra os guerrilleiros. 

Pensamos que escoitarnos entre nós é unha forma de aprender que debe terse máis en conta. Pensamos que falando entre nós descubrimos cousas que moitas veces nos sorprenden. Porque no Clube da Lingua temos moita curiosidade e queremos coñecer a nosa Historia a partir das nosas historias, aquí vai este libriño sobre Benigno López Andrade, O Foucellas.

Debemos agradecer estas páxinas a toda a xente que colaborou neste traballo colectivo, obra común de moitas persoas.”


PUBLICIDADE